A historia dos
xacementos arqueolóxicos tamén é a historia dos seus planos, por iso non me
resisto a publicar este croquis de Baroña feito por Luengo ("Excavaciones
en el castro céltico de Baroña. Campañas de 1969-1970". Noticiario
Arqueológico Hispánico, 16. 1971). Esta é a primeira representación gráfica da
planta do castro, a que marcará a visión futura do asentamento, e a cunca en 2D
e branco e negro da que bebemos todos os que pasamos por este lugar fascinante.
Unha visión que hoxe pode parecer anacrónica pero que, baixo a súa aparente
sinxeleza, agocha moita, moita miga.
Neste croquis (non é un plano, posto que non ten escala) Luengo deseña con
moito coidado a liña de costa, seguramente empregando como plantilla a foto
aérea do vóo americano de 1956. Logo estrutura o poboado en catro recintos
separados por murallas, coas construcións domésticas no seu interior. Unha
organización en barrios que aínda é plenamente vixente. Pero non se queda aí.
Co seu estilo expresionista, no que era un auténtico mestre, e co apoio dunha
simple lenda, ao estilo daquelas deliciosas cartelas de "Explicación"
que acompañaban aos planos decimonónicos, Don José María danos unha visión
global do xacemento, do que hai... e do que houbo no seu día. Evidentemente,
faltan cousas, como o foxo, que non comezou a escavar ata a campaña de 1971, pero
aí están os derrubes das murallas laterais do primeiro recinto, a posible
escollera do porto e ata un suposto torreón na entrada. Pero hai máis: observen
os puntos 12 3 15. ¿Imaxínanse se hoxe en día a un arqueólogo profesional se
lle ocorre grafar nos seus planos unha "Piedra
horadada, con pavimento" ou
unha "Agrupación natural
de tipo dolménico"? Mellor non pararse a pensalo moito. En esencia,
malia parquedade de datos e a máis que discutible identificación dalgún resto,
esta ilustración suxire e conta unha historia, o mellor que se pode dicir dun
deseño arqueolóxico.
Como sempre, deixamos o mellor para o final. Este plano extraordinario, no
só é un moi interesante documento historiográfico, tamén é unha fonte
arqueolóxica de primeira orde. Foi feito en 1970 e, dende aquela, o Castro
cambiou moito. Luengo veu e deseñou no seu croquis cousas que hoxe non se
aprecian a simple vista. Ademais, tiña moita intuición e sempre reflectía o
máis importante. Presten atención á frecha vermella que estampei no deseño
orixinal e ollarán algo sorprendente. Indica a situación de dúas estruturas de
planta redondeada. O trazo descontinuo indica que, sen estar escavadas, naquel
intre aínda se albiscaban en superficie. Hoxe xa non se ven, pero como Luengo
non daba puntada sen fío, moito me temo que sigan aí, as casas redondas do
primeiro barrio, durmindo baixo o sedimento e o mato do Areal das Campas, no
istmo de Baroña.
Tito Concheiro