Proxecto...de...acondicionamento..e..consolidación...para..a...posta..en..valor...do...Castro..de..Baroña

miércoles, 31 de octubre de 2012

Baroña sae á luz: os Ultreyas, a Punta do Castro e o carabineiro D. Pablo Díaz (I)



























Un dos aspectos máis salientábeis da moi longa e suxerente historia do Castro de Baroña ten que ver co seu descubrimento científico. Trátase dunha historia que non ten desperdicio e na que se mesturan buscadores de tesouros, mitos, lendas e ata fascistas e carabineros republicanos. Foi un suceso apaixoante que aconteceu en 1933, datas que lembran a pólvora e revolución, e forma parte dese imaxinario contemporáneo tan potente que posúe esta pequena punta dos milagres.

A foto, esvaída e de gran groso, como aquelas ilustracións das vellas revistas de instituto tiradas en multicopista, non ten perda, pero tampouco deixa de desacougar. Son catro rapaces do Instituto Virxe do Mar de Noia (Xohán Freire Antelo, Francisco Castro Lorenzo, Xohan Nieto Túñez e Xosé Fernández García), acompañados dun adulto, Álvaro de las Casas, nese intre catedrático e director do centro. O primeiro que rechama é a pose mussoliniana de De las Casas, co mentón ergueito e amosando un perfil romano e desafiante, moito máis artificiosa que a dos seus pupilos, no que, a verdade nótase certa indecisión (malia unha pouca ortodoxa postura de firmes) e mesmo algún medio sorriso típico da idade. Logo, o uniforme: pantalón alpino, cincha e mochilas, manta ao estilo militar e camisola branca co trisquel bordado polas nais sobre o peito esquerdo. Eran os Ultreyas, a formación xuvenil á que De las Casas, que neses intres afastábase do Partido Galeguista para crear Vangarda Nazonalista Galega, pretendía utilizar como ariete xuvenil da Nova Europa, tal e como el mesmo a denomina, sen disimulo algún. Máis aló do delirio do propio De las Casas, que bastante tiña con fantasear con cumios alpinos mentres bouraba Forcados arriba espantando as súas propias pantasmas, hai unha cousa que realmente importa: estes catro aprendices de balilla e o seu pequeno e garboso capitano son os responsables do descubrimento do castro para a arqueoloxía galega. Aconteceu durante a 3ª Xeira da organización, na primavera de 1933 e, logo dunha excursión campestre trufada de anécdotas, o relatorio da chegada desta modesta troupe a Baroña non ten desperdicio. Deixemos que sexa a pluma dun dos ultreyas, Xohan Freire, que conte polo miúdo aquela experiencia:

“Despois de xantar fumos ao castro, onde están facendo escavacións. Había por alí moita xente dos lugares veciños; aquelo é unha romería, pois todos pensan que vai aparecer unha mina de ouro. A nós tomáronos por enxenieiros e andaban un pouco escamados véndonos rebulir d-unha parte pra outra. Preguntamos a algunhas mulleres plo-o choio do castro e nos dixeron que esta fora unha cidade dos mouros que aínda viñan pol-as noites dos sábados a cantar e á troulear; que aquí había dúas minas, unha de ouro e outra de veneno e o que dise con ésta morría. Ao istmo da península chámanlle lugar das campas e din que alí hai enterrada moita xente” (NÓS, Ano XV, num. 114, páx.. 140. 1933).

Pensamento mítico e unha baraúnda de paisanos hiperactivos furando. Un clásico da prearqueoloxía galega que tería asinado o mesmo Vázquez de Orxás. Pero había alguén detrás, o carabineiro D. Pablo Díaz, a chave mestra desta historia fascinante.

Tito Concheiro

Baroña 2012: Os Homes, os Feitos, as Verbas

 Agora que estás aquí, invítoche a baixar á Punta do Castro e a deambular polas agras de Orellán, pola Area Longa e a praia do Coído. Podes, si queres, ollar o solpor dende o Agro do Noivaso ou trabucarte de camiño na furca da Cruz. Pero non temas, é imposible perderse. O gran arroás está aló abaixo, pousado nos coios da Polbeira, ollando ao mar bravío, como si tivera nostalxia dun mundo que se foi. Achégate. Deixa que os salseiros empapen de humidade unha costra dura e impenetrable, e trátao ben, coa devoción que merece un coloso que leva milleiros de séculos deitado nun sono só aparente. ¿Está vivo?. Achégate máis, ata o bordo dos valos de pedra co que os homes cercaron o seu corpo xigantesco. Se atendes ben, podes escoitar un bruar xordo e constante. Fala. ¿E sabes a razón?. Porque aínda, logo de tanto tempo, ten moitas, moitas cousas que contar.

Se a arqueoloxía é algo máis que unha disciplina encaixoada nas soidades dos artefactos e as arquitecturas, o mesmo pasa cos xacementos. E o Castro de Baroña, ou sinxelamente Baroña, como xa é coñecido este asentamento prodixioso logo de que a ciencia mesmo chegara a canibalizar o topónimo da propia parroquia (unha das máis fermosas e suxestivas do concello do Son) o exemplifica mellor que ningún outro. Este blog, que se insire no Plan de Difusión do Proxecto de Consolidación para a súa Posta en Valor do Castro de Baroña, ten como obxectivo reflectir a riqueza e transversalidade dun xacemento arqueolóxico polisémico e singular. Pode parecer chocante, pero nun blog feito por arqueólogos non só falaremos de arqueoloxía. Terán un protagonismo indiscutible as fases de actuación deste 2012, presentando datos inéditos que trocan absolutamente a imaxe e interpretación do xacemento, o que xustifica contundentemente a necesidade que tiña este castro fosilizado pola arqueoloxía clásica dunha intervención arqueolóxica decidida e feita con criterios contemporáneos. Pero tamén daremos acollida ás persoas que fenderon antes que nós a pel do gran arroás, dende o abrente da arqueoloxía científica ata as intervencións máis recentes. Estarán aquí a etnografía, as fotos antigas e evocadoras, os veciños de Baroña,  a cidade asulagada, os arqueólogos clásicos e non tan clásicos, as agras e as minas de estaño, o coñecemento científico e ata as experiencias persoais das persoas que aman este lugar marabilloso. En definitiva, lembrando aquela encantadora columna da vella revista Nós, pasarán por aquí “Os Homes, os Feitos e as Verbas”, todos aqueles que fixeron do Castro de Baroña un mito da cultura galega contemporánea.

Só nos resta dicir que, aínda que este punto de encontro nace vinculado a un proxecto concreto de natureza arqueolóxica, a nosa aposta é levalo máis aló. Unha vez que os arqueólogos pousemos capachos e paletíns, tamén esperamos seguir aquí, convosco e con Baroña, por moito tempo.

Tito Concheiro




Archivo del blog