Proxecto...de...acondicionamento..e..consolidación...para..a...posta..en..valor...do...Castro..de..Baroña

martes, 8 de enero de 2013

O primeiro plano de Baroña


A historia dos xacementos arqueolóxicos tamén é a historia dos seus planos, por iso non me resisto a publicar este croquis de Baroña feito por Luengo ("Excavaciones en el castro céltico de Baroña. Campañas de 1969-1970". Noticiario Arqueológico Hispánico, 16. 1971). Esta é a primeira representación gráfica da planta do castro, a que marcará a visión futura do asentamento, e a cunca en 2D e branco e negro da que bebemos todos os que pasamos por este lugar fascinante. Unha visión que hoxe pode parecer anacrónica pero que, baixo a súa aparente sinxeleza, agocha moita, moita miga.
Neste croquis (non é un plano, posto que non ten escala) Luengo deseña con moito coidado a liña de costa, seguramente empregando como plantilla a foto aérea do vóo americano de 1956. Logo estrutura o poboado en catro recintos separados por murallas, coas construcións domésticas no seu interior. Unha organización en barrios que aínda é plenamente vixente. Pero non se queda aí. Co seu estilo expresionista, no que era un auténtico mestre, e co apoio dunha simple lenda, ao estilo daquelas deliciosas cartelas de "Explicación" que acompañaban aos planos decimonónicos, Don José María danos unha visión global do xacemento, do que hai... e do que houbo no seu día. Evidentemente, faltan cousas, como o foxo, que non comezou a escavar ata a campaña de 1971, pero aí están os derrubes das murallas laterais do primeiro recinto, a posible escollera do porto e ata un suposto torreón na entrada. Pero hai máis: observen os puntos 12 3 15. ¿Imaxínanse se hoxe en día a un arqueólogo profesional se lle ocorre grafar nos seus planos unha "Piedra horadada, con pavimento" ou unha "Agrupación natural de tipo dolménico"? Mellor non pararse a pensalo moito. En esencia, malia parquedade de datos e a máis que discutible identificación dalgún resto, esta ilustración suxire e conta unha historia, o mellor que se pode dicir dun deseño arqueolóxico.

Como sempre, deixamos o mellor para o final. Este plano extraordinario, no só é un moi interesante documento historiográfico, tamén é unha fonte arqueolóxica de primeira orde. Foi feito en 1970 e, dende aquela, o Castro cambiou moito. Luengo veu e deseñou no seu croquis cousas que hoxe non se aprecian a simple vista. Ademais, tiña moita intuición e sempre reflectía o máis importante. Presten atención á frecha vermella que estampei no deseño orixinal e ollarán algo sorprendente. Indica a situación de dúas estruturas de planta redondeada. O trazo descontinuo indica que, sen estar escavadas, naquel intre aínda se albiscaban en superficie. Hoxe xa non se ven, pero como Luengo non daba puntada sen fío, moito me temo que sigan aí, as casas redondas do primeiro barrio, durmindo baixo o sedimento e o mato do Areal das Campas, no istmo de Baroña.


Tito Concheiro



Archivo del blog