Proxecto...de...acondicionamento..e..consolidación...para..a...posta..en..valor...do...Castro..de..Baroña

lunes, 31 de diciembre de 2012

Que diaños facías ti aí, meu amigo?


































Dentro desa falsa categoría de enigmas que, arestora, semellan inundar o mundo da Idade do Ferro, figuran nun lugar senlleiro uns materiais singulares: os machados de pedra puída. Xa dixen nalgunha outra ocasión que estes obxectos, por outra parte ben fermosos e suxestivos, son o tipo de achado que todos os que levamos anos escavando castros tememos que aparezan ... e ao final algún sempre sae á luz.
Os manuais clásicos difundiron como axioma que o material lítico puído, o produto final dunha industria complexa que fai obxectos verdadeiramente sofisticados, era exclusivo do Neolítico e a Prehistoria recente. En realidade, facer un machado deste estilo require unha aprendizaxe específica, un bo coñecemento das materias primas precisas para a elaboración do obxecto e unha particular concepción formal, que inclúe, ademais, un sistema de enmangue moi característico. Unha tradición que semella non ter nada que ver coa Idade do Ferro. Xa que logo, ¿que fan estes útiles nos castros?
Entre outras, existen dúas explicacións. Unha primeira, funcional e materialista, non dubida en vincular os machados puídos á panoplia castrexa. Todos sabemos que os homes e mulleres que viviron na Idade do Ferro, unha xente tremendamente utilitarista e adaptable, non deprezaron ningún tipo de materia prima, e que tiñan as bases técnicas para elaborar este tipo de artefactos. O rexistro material dos castros está cheo de restos líticos lascados e puídos, cun parecido sorprendente cos útiles clásicos do Neolítico e o Paleolítico. A paisaxe material dunha Idade do Ferro... con moi pouco ferro. A segunda é moito menos prosaica, e moi do gusto dos namorados da mal chamada cultura popular, etiqueta na que me atopo coma peixe na auga. A utilización de obxectos "arqueolóxicos" nas sociedades tradicionais, en forma de amuletos ou elementos depositarios de propiedades máxicas, está excelentemente documentada na antropoloxía galega. Só temos que pensar nas fusaiolas, empregadas como leituarios, pendurados dos cornos das vacas como se fosen arracadas, ou os machados puídos (outra vez!), as lendarias pedras do raio, incrustadas na cachotería dos pinches das casas campesiñas. Aquí atopamos unha secuencia simbólica espectacular: un obxecto (o machado, a fusaiola) que se atopa nun lugar relacionado co pasado mítico (a mámoa, o castro) e se utiliza cun sentido protector ou como estímulo de riqueza e fecundidade da unidade doméstica (o bo leite e a casa).
En realidade, nada sabemos do imaxinario das sociedades campesiñas que vivían nos castros. Pero eu creo que tiña moito que ver coa memoria e os antepasados. Aqueles que vivían ao outro lado da delgada liña vermella: os outros, os mouros da Idade do Ferro. Lamentablemente, moitos dos achados de machados e outros elementos singulares atopados nos castros (como os cornos de cervo, de moito valor simbólico en todas as culturas histórica e etnográficamente coñecidas), veñen de escavacións antigas e faltan moitos datos sobre o seu contexto deposicional.
Para non perder o costume, tamén neste 2012 recolleuse en Baroña un destes enigmáticos machados, o que aparece na foto. Apareceu nun lugar excepcional, sobre o que xa levamos tempo falando: no interior da gran casa ovalada que se atopa inmediata á entrada monumental. E non o fixo só, senón que estaba acompañado, e duns compañeiros de viaxe francamente curiosos. Sobre eles, e sobre o que facían aí, nun lugar do asentamento dotado dunha forza escenográfica descomunal, seguiremos falando nos próximos días.

Tito Concheiro

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog