Proxecto...de...acondicionamento..e..consolidación...para..a...posta..en..valor...do...Castro..de..Baroña

miércoles, 28 de noviembre de 2012

Baroña dende o mar





















Todo coincidimos en que o Castro de Baroña é o máis fotoxénico de Galicia. A perspectiva dende o Agro das Canles é unha das imaxes máis recoñecibles do patrimonio arqueolóxico galego e un do seus grandes atractivos. Pero a Punta do Castro ten unha cara oculta: a que se dexerga dende o mar. A vista que tiveron os navegantes púnicos ou os castrexos que se arrimaban á costa nos seus currachs. A que teñen os mariñeiros do Son que andan ás nasas, e a que tamén tivemos nós este verán cando, cun grupo de amigos do Son, percorrimos en barco a parte máis fermosa e impactante do litoral sonense, a que vai dende a Punta da Atalaia ata as Pedras das Basoñas
Tiña ganas de ver Baroña dende o mar. O mesmo que viron os mozos galeguistas que, en xullo de 1932, navegaron a costa galega a bordo do paleibote Xaquín Pérez, de trinta toneladas e dous paus. O malogrado Xurxo Lourenzo describe ese cruceiro pioneiro nun fantástico documento, cheo de anécdotas encantadoras e ilustrado cuns debuxos deliciosos. A descrición da costa de Baroña, nomeando os castros que albiscaba dende a cuberta do Xaquín López, aínda emociona: "Primeiramente, domiñando aló no outo, a Enxa, que os de Muros chaman o Ens, grande teimo acôtado nas cartas nos 543 ms. de altitude, e que ten dous recintos de pequeno diámetro, chamado â Atalaia o superior. Embaixo, arrodeado pol-as augas, aparez o perfil cortado e penedoso do Castro de Baroña. Máis endiante o Castro de Queiruga ou punta do Castro, todo il cultivado" ("Notas do meu diario arqueolóxico", NÓS, nº124-125, 1934).
Esa tarde de xullo, de ceo azul, salitre e compañeirismo, puidemos apreciar que, efectivamente, o Castro é practicamente invisible dende o mar. Hai que achegarse moito á Arealonga para entrever as ruínas do asentamento fortificado. Tal e como o viu Xurxo Lorenzo, aparece ante os nosos ollos unha masa pina e penedosa, un coloso enigmático e mudo. Si realmente é así, ¿estaba Baroña pechada ao mar?. Observen a foto de abaixo. De fronte poden ver o istmo, coa pequena praia do Castro en primeiro termo. Á dereita aparecen a muralla e os socalcos que sosteñen a segunda plataforma habitacional, a zona escavada polo Sr. Luengo a comezos dos nos 70. A motora "Maraxe" está ao pairo nun remanso de augas tranquilas, no comezo dunha estreita canle. Chousa, o patrón, bo coñecedor destas augas, comentounos que ten o fondo limpo e o suficiente calado para levar unha gamela ata a mesma area, tal e como fixeron tradicionalmente os poucos homes da parroquia que andaban ao mar. Arestora, eu non teño dúbidas, un pequeno porto natural protexido do vendaval e das temibles "suradas", pero tamén o lugar onde os habitantes do castro fondearon e vararon as súas embarcacións a finais da Idade do Ferro.
Para outro momento, deixo a impresión que me causou a visita ás míticas Basoñas, un farallón nórdico cravado fronte ao cabo de Corrubedo. Alí, no fogar dos corvos mariños, vivín unha sensación indescritible, moi semellante á que sinto cada verán, cando me achego á Illa Lobeira cun grupo excepcional de veciños do Pindo, os meus amigos da Costa da Morte.

Tito Concheiro


sábado, 24 de noviembre de 2012

O amencer do Castro de Baroña




















O primeiro que rechama ao mirar un plano do Castro, son esas grandes cabanas de planta ovalada, un atipismo dentro da arquitectura doméstica da Segunda Idade do Ferro nas Rías Baixas. Sempre houbo un certo debate sobre a cronoloxía destas construcións peculiares, e pode ser que sempre estivesen aí, dende o mesmo momento en que unha tropa de castrexos decididos puxéronse a cavar gabias, carrexar terra e construír muros coma auténticos posesos.
O que quedou claro, tanto nas intervencións de 1995-96 como nesta de 2012, é que as grandes cabanas que arestora atopamos xusto ao traspasar o acceso aos recintos habitados, erguéronse na última fase de ocupación, seguramente no mesmo proxecto que implicou o levantamento dun novo sistema defensivo e dunha porta colosal. A construción dun espazo monumental e de gran forza escenográfica que cambiou de xeito radical, e para sempre, a morfoloxía deste magnífico hábitat castrexo.
A monumentalización da arquitectura, defensiva e doméstica, é un feito característico de finais da Idade do Ferro. Suxire cambios profundos na sociedade do momento, un auténtico terremoto social para aquelas comunidades dinámicas, adaptables e oportunistas. Pero cada castro é un mundo de seu e ten unha historia distinta que contar. Nese magma en ebullición que foi final do primeiro milenio antes da nosa Era, algúns colapsaron, como O Achadizo, que se abandonou a mediados do século I, pero outros tiveron éxito, prosperaron e chegaron a desenvolver arquitecturas custosas e sofisticadas. Neste grupo de privilexio tamén figura Baroña.
Como se pode ver na foto de arriba, a gran cabana ovalada descuberta no seu día polo arqueólogo pontevedrés González García-Paz, e reescavada neste 2012, é unha estrutura de grandes dimensións, falando sempre dentro da escala propia dos castros. Á luz dos datos e novidades fornecidos nesta última campaña, construíse sobre unha plataforma elevada á que se accedía, unha vez traspasada a gran entrada en falso túnel, por tres chanzos de pedra. Á esquerda deles quedaban ás esqueiras para subir ao adarve da muralla, ás torres de flanqueo do corredor de acceso e ao pasadizo elevado que comunicaba as cabezas dos lenzos defensivos. Ao fronte, embocaba nunha calexa delimitada por dúas construcións. Unha delas, axuntada ao paramento interior da cerca, construíuse sobre os alicerces da primeira muralla. A outra é a nosa gran cabana ovalada. Ámbalas dúas abrían as súas portas afrontadas, coa soleira da cabana redonda sobreelevada e accesible por medio dunha esqueira de catro chanzos. Unha mostra de complexidade arquitectónica que reflicte unha obviedade mil veces repetida: que as construcións castrexas non eran células independentes, senón que formaban parte dunha paisaxe intensamente edificada na que todos os elementos estaban relacionados.
Pero hai máis. Xunto cun interesante espolio material, no que sobrancean fermosas mostras de cerámica indíxena, dúas moas de muíños manuais, anacos de cerámica de mesa de importación e ata un machado puído, a escavación sacou á luz un sorprendente nivel inferior de ocupación, tal e como se pode ver na fofo de abaixo. Sobre el, abertos no sedimento e na rocha base, os negativos de varios ocos de poste. Están aliñados, deseñan unha planta curva e cabe interpretalos como parte dun fondo de cabana de estacas e caneirado, un tipo de construción que, no eido doméstico e nesta zona xeográfica, onde a arquitectura petrifícase ben cedo, pódenos levar ás primeiras fases da Cultura Castrexa. Na miña opinión persoal, trátase dun achado de primeira orde que reafirma a nosa postura a prol dunha dinámica estratigráfica complexa para o xacemento e da existencias de fases de ocupación antigas. Unha novidade importante que abre as portas dun tempo suxestivo: o amencer do Castro de Baroña.

Tito Concheiro


martes, 20 de noviembre de 2012

Heroes






















Aí están, enchoupados coma pitos, os alumnos de 1º de bacharelato do Instituto de Carballo. Estes valentes brigantinos escolleron para vir un día con temporal do sur (a "surada" que tan ben coñecen os mariñeiros do Son), unha desas xornadas que dan a Baroña ese carácter único que só ela ten, salvaxe, como de natureza desatada. Aparecen nesta entrada por dous motivos: primeiro, porque foi o primeiro grupo que se mollou arreo, tal e como chove na Punta do Castro; e segundo, porque fixeron unha visita un tanto especial. Un modelo que hai tempo que eu quería desenvolver.
Chegaron este chuvioso martes acompañados da súa profesora de Historia, Beatriz Cuesta. Bea, que é antropóloga de formación e unha docente dinámica, de nova xeración, contactou connosco fai un tempo. Non pediu unha visita guiada convencional, en plan excursión de tempo libre para escolares, ao estilo daquelas que todos fixemos ao Trega ou á Toxa cando eramos cativos. Propúxonos integrar o Castro no seu programa docente, como unha clase máis. Durante este tempo desenvolveu o temario de Prehistoria tendo en conta a visita, concibida máis como un coñecemento sobre o terreo que como unha desas aburridas prácticas que só interesan aos que as imparten. Esta clase ao aire libre tivo, ademais, o mérito de explicar Baroña dun xeito integral, recorrendo os camiños, as agras, a praia e os coídos antes de entrar en materia no propio depósito arqueolóxico. En resume, un modelo que se podería describir como de aula aberta, rompedor e participativo.
Sempre dixen que a volta da actividade arqueolóxica ao Castro cambiaría as cousas. Pero nunca sospeitei que a transformación puidera chegar a ser de tal calibre. Por iso deixo para o final esta reflexión: ¿imaxínanse o que será do Castro de Baroña o día que teña, por fin, os equipamentos interpretativos, lúdicos e didácticos que demanda o seu Plan Especial de Protección? Resposta fácil: arrasa.
Tito Concheiro

Ollando arroases


















A cantidade de recursos que ten o Castro de Baroña é descomunal, e cada día me sorprende máis. Este grupo de escolares franceses que visitaron a Punta do Castro atopáronse, logo de visitar as impactantes ruínas da Idade do Ferro, cun espectáculo único: unha gran manda de golfiños voando sobre as ondas que bican o canaval da Arealonga. Ollaban arroases, pero tamén podían estar fotografando fadas, os encantos que guiaron a Ulises no Atlántico.

sábado, 17 de noviembre de 2012

As portas: o poder dos castros




Para os que vivían dentro, pero tamén para os que o dexergaban dende fóra, a fortificación era o elemento que imprimía verdadeiro carácter ao poboado da Idade do Ferro. En Baroña, ao igual que noutros grandes asentamentos do Noroeste, a potencia e sofisticación do aparato defensivo suxire que, ademais de valores intanxibles, como o prestixio ou simbolismo do espazo pechado, o complexo fortificado, forte, poderoso e construído cunha coidadosa planificación previa, foi deseñado para disuadir e combater, se chegado fose o caso. Neste castro espectacular, unha auténtica praza forte fincada na Prehistoria, existiron, canto menos, catro cintos defensivos sucesivos. En tres desas liñas de muralla, cada unha coas súas características e morfoloxía propias, ábrense portas ou sistemas de entrada: o que dá acceso ao istmo dende o exterior, a traveso da muralla transversal e salvando o foxo escavado no substrato (unha gabia brutal cavada a pico na rocha viva); a gran porta que permite pasar ao 2º recinto, seguramente o primeiro realmente habitado; e as escaleiras entre machóns que dan paso á segunda plataforma, escavadas no seu día polo Sr. Luengo e unha das imaxes máis recoñecibles deste xacemento formidable. 

A reescavación, neste ano 2012, do sector ocupado pola gran entrada monumental, que comunica o istmo coa primeira plataforma con vivendas, revelou o que xa se tiña intuído: que en determinado momento da súa historia, os habitantes do Castro de Baroña reformularon o seu sistema defensivo, unha obra de escala colosal que trocou absolutamente a imaxe do asentamento. Os vestixios máis antigos, de cronoloxía prerromana, correspóndense cunha gran cerca de cachotería elaborada cun aparello de excelente calidade, dotada dun sistema de acceso do tipo de porta asimétrica con rampla. Nun intre moi posterior, seguramente en torno ao cambio de Era, esta muralla desmontouse parcialmente, rectificouse o seu trazado, envolveuse por unha obra nova e quedou incorporada a un aparato soberbio: unha entrada en rampla achanzada protexida por dous torres con fortes zócalos e zarpas de contención. A calexa de entrada atopábase pavimentada cun coidado lousado de laxes e pechábase a medio camiño cun sólido portón de madeira. Sobre el, unha pasarela permitía o tránsito polo adarve ou camiño de rolda, ao que se subía por medio dunhas esqueiras axuntadas ao paramento interior. Na foto pódese observar claramente a estratigrafía de muros, cos paramentos superpostos da primeira e segunda murallas, así como o magnífico pavimento de lousas que pisaron os habitantes de Baroña ata que o derradeiro castrexo pechou a porta.
Esta é unha visión farragosa e técnica feita por un arqueólogo: a descrición dos elementos que subsistiron ao mar de fondo do tempo e logo nós sacamos á luz. Restos arruinados dun pasado glorioso. Pero, ¿cómo sería esta construción ante os ollos daquelas mulleres e homes que decidiron vivir nese mar de penedos empoleirados no Atlántico?. Miguel López Marcos, o noso director de restauración, ten un don: o da recreación. Por iso un día, sentado o equipo técnico a carón dos restos desta porta espectacular, falando de fases e niveis de construción e reformas, fixémoslle unha petición especial: debuxa, como ti cres que era, a gran porta de Baroña. E aquí está o resultado: a imaxe do poder e a forza dunha comunidade de finais da Idade do Ferro no Occidente galego.


Tito Concheiro



miércoles, 14 de noviembre de 2012

Compañeira de viaxe






























A cerámica é a compañeira de viaxe das escavacións arqueolóxicas nos castros da Idade do Ferro, os grandes contedores de material da Prehistoria galega. Un axioma que en Baroña, malia ter sido aberto nunha extensión descomunal, cúmprese á perfección.
Agora, nestes días de novembro, estamos intervindo nunha das cabanas que García Paz escavou en 1933, posteriormente consolidada por Calo na década dos 80 coa súa metodoloxía habitual: recrecemento dos muros á vista con fiadas de seguridade trabadas con cemento. Un método xa obsoleto, pero que fixo fortuna por aquelas datas. Ademais da recuperación do aspecto orixinal desta gran estrutura oval, abrindo incluso a porta tapiada polos propios entullos da casa derrubada, a reescavación deparou sorpresas non esperadas, como sempre pasa en arqueoloxía. A fundamental foi que aproximadamente un terzo do espacio interior estaba practicamente intacto. Con seguridade, García Paz limitouse a seguir muros para descubrir a planta desta gran cabana e logo Calo únicamente consolidou os muros visibles. E apareceu o que tiña que aparecer: niveis de ocupación e unha gran cantidade de material arqueolóxico, nomeadamente aquela "enormidá de cerámica" da que falaban os ultreyas noieses que visitaron a Punta do Castro en 1933.
Despois de tantos anos, non me podo negar e sigo sendo un arqueólogo de entusiasmo fácil. Pero comprobar que o Castro de Baroña aínda ten cousas que ofrecer ao coñecemento da nebulosa Idade do Ferro do Noroeste emociona a calquera.
Na imaxe de arriba, a man do Champi, un auxiliar de arqueoloxía que escava a paletín como os anxos e ten unha habilidade especial para detectar buratos de poste, sostén gran parte da boca fragmentada dun recipiente de labio retraído tipo Vigo. Un modelo de vasilla que fixo furor nas fases avanzadas do Castrexo das Rías Baixas. Como en Baroña todo é orixinal, e ten un aquel que afasta doutros castros da contorna (como as grandes casas ovaladas ou as fortificacións, que semellan propias dos oppida galos), as incisións do reforzo no borde desenvolven un fermoso friso en aspas.

Tito Concheiro

domingo, 11 de noviembre de 2012

Imaxina o Castro de Baroña






















Hoxe calquera actuación de posta en valor dun xacemento arqueolóxico, mesmo unha escavación convencional en área, son impensables sen un plan de difusión que inclúa actividades paralelas para todos os públicos. As nosas iniciativas recentes na Cruz do Castro de Carballedo e no Castro das Barreiras de Vimianzo, demostran a viabilidade dos propios depósitos como equipamentos culturais, preferentemente ao servizo da educación e o lecer da comunidade local.
O obradoiro celebrado no castro o mes de agosto pasado, coincidindo co fin de semana da Feira Celta de Porto do Son, axustouse a esa liña e foi un exitazo completo. Titulábase "Imaxina e debuxa o Castro de Baroña" e planeouse como unha actividade aberta e de balde, como eu penso que ten que ser a cultura. Contou, ademais, coa asistencia dun colaborador de excepción, o arquitecto Marcial Rodríguez, outro apaixoado de Baroña e un dos seus máis grandes valedores. Apuntáronse preto de medio centenar de persoas: turistas, veciños do Son, afeccionados á arqueoloxía, moitos rapaces e incluso familias enteiras. Lonxe deses obradoiros ou "talleres" tan de moda, aparatosos e dirixidos, aquí todo foi espontáneo. Ese pelotón de namorados baroñeses dispersouse polo xacemento para captar nos seus cadernos a súa particular visión dun asentamento fortificado da Idade do Ferro. Por primeira vez, e como diría o meu mestre Felipe Senén, os compoñentes deste heteroxéneo e alegre grupo non foron espectadores dun magnífico cadro, senón que se converteron nos actores da súa propia visita.
Cincuenta debuxos son cincuenta visións distintas, pero todos tiñan unha cousa en común. ¿E saben cal?. Nesas pinturas non se ollaban ruínas, había xente, persoas. E non só elas. Tamén porcos, ovellas, carros tirados por bois, gamelas na praia, un sol resplandecente e ata peixes choutando fóra do mar: a materia da que está feita o pasado. Toda unha emocionante lección de arqueoloxía.

Tito Concheiro

Archivo del blog